BVG Atrás Índice de Páxinas |
Cantarenas |
||
"Dionisias" (Escolma) |
|
m3gurriarancantarenasdionisias.html
IN VINO VERITAS
Está, no viño, a verdade.
«In vino veritas». Certo.
Fuxirá da falsedade,
vivirá na craridade
quen, de xeito solermiño,
de Valdeorras, beba o viño:
Coñecerá, ao recuncar,
que anda a darlle, ao paladar
e á mente, lus e aloumiño.
GABANZA DA MOZA FRESCA
(espinela ditirámbica)
Filla da torta cepeira
e do sol quente que a goza,
MOZA FRESCA, fresca moza,
nasces na bocarribeira
e, na fustalla, criadeira
coma seo de muller
que te agarima, a ferver
con ledicia e paseniño,
MOZA FRESCA, faste un viño
que é pracer pra o meu lecer.
ALVARIÑO
Alvariño:
(Nome de acio celmoso e de bon viño
e de poeta saudoso e velaíño).
Enxebre e franciscán e dóce e triste
cantore de lembranzas. Ti és agora
a máis bela e sangal para unha «Nenia».
Éralo amante das belidas sombras.
Por elas debecías:
A Ruliña do Sar,
Noriega o das chorimas sorridentes,
polo bardo Pondal de nobre canto,
por Curros o frecheiro de triadas,
polo Daniel (Moisés, guieiro noso
que no acadóu a Terra prometida),
Carballo, sinfonista de paisaxes,
Antonio, riscador de meridianos,
o Pimentel, de lúas e de espellos...
¡E por tantos e tantos!
¡E o Ramón de Salnés, enxebre Apolo
que o cetro che deixara da poesía!
Axuntáchete coelas. Arastora
és ¡ti tamén! lembranza e señardade.
Axuntáchete coelas. Pantasmiñas
a percorrer a proieición celeste
dos vieiros da Terra benamada.
Alvariño:
Nome de acio celmoso e de bon viño
e de poeta saudoso e velaíño.
(De «Galicia Infinda»)
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |